“Alguén dixo: o debuxo é a intelixencia da pintura, a cor o seu instinto.
Paréceme un tanto simple encadra-lo traballo pictórico nestes dous factores, pero poden moi ben servir de base, non tanto para defini-la pintura -actividade que se amosa complexa- senón para dirixir un punto de partida inicial, básico, da obra creativa de Carmen Chacón.
A primeira referencia clara desta pintora, o debuxo marca toda a súa aprendizaxe; é un soporte e sobre todo un programa de traballo co que se sinte plenamente identificada. Nin que dicir ten que quen coñeza as láminas de Carmen Chacón admira o seu virtuosismo. […] Son figuras, elementos, planos, “soños”… que enchen o espacio ata acontecer unha cantidade tal de “representacións” que esixe unha coidadosa visión de tódalas imaxes imbricadas no plano, aparentemente aleatorias na mente […].
Hai unha forte carga emotiva, psicolóxica, intuitiva e pola contra programada, establecida; e non obstante a lectura non sempre se fai evidente. Como espectador ben vale a pena deixarse entreter e cautivar pola representación das formas.
[…] Son obras abertas, no sentido en que se sinten impulsadas por ese sistema de signos que entran de cheo na concepción da arte como linguaxe; dunha síntesis de diversas formas establece unha complexa organización a través de métodos tomados da lingüística, da psicoloxía, da teoría da imaxe e das ciencias. A responsabilidade final está na coherencia de todo este entramado co proxecto artístico persoal.
Penetrar neste mundo é tarefa de moito observar o que se ve. Parece fácil, pero non o é en absoluto. Aí reside o seu atractivo.”
Cuqui Piñeiro.

You may also like

Back to Top